Absorción atómica

A Espectrofotometría de Absorción Atómica emprégase na determinación de elementos químicos, sobre todo catións. O analito de interese ten que estar en disolución acuosa. Esta disolución que pode ter unha procedencia natural ou pode ser froito do ataque ácido de substancias orixinalmente en estado sólido co fin de disgregar os seus atómos e poñelos en disolución.

A mostra acuosa transfórmase en vapor atómico por diferentes procesos, ese vapor atómico contén atómos libres (e ións) do analito que absorberán a radiación lumínica que emite unha lámpada no espectro de interese do analito. A diferenza entre a radiación emitida pola lámpada e a que chega finalmente ao detector está relacionada coa absorbancia pola Ley de Beer-Lambert:

A= εLC
Donde:

A= Absorbancia (adimensional)
ε= coeficiente de absortibidade específico (L mg-1 cm-1).
L= Lonxitude da traxectoria de medida (cm).
C= Concentración, neste caso en mg/L.

Atendendo ao proceso polo cal transformamos as mostras acuosas en vapor atómico clasificamos as técnicas de Espectrometría de Absorción Atómica en:

  • Espectrofotometría de Absorción Atómica en Chama: a mostra acuosa é nebulizada e introducida nunha chama lineal que presenta unha temperatura no seu seo de 2000-3000ºC, en primeiro lugar evapórase o disolvente (desolvatación), quedando pequenas partículas sólidas que tenden a disociarse en átomos individuais ou ións elementais gaseosos para formar o vapor atómico.
  • Espectrofotometría de Absorción Atómica electrotérmica (Forno de grafito): neste caso o vapor atómico conséguese depositando uns 10 a 20 microlitros de mostra nun tubo de grafito que se quece ata acadar os 2500 ºC, a esta temperatura fórmase o vapor atómico. Presenta maior sensibilidade que a atomización en chama, da orde dos µg/L (ppb).
  • Espectrofotometría de Absorción Atómica de Vapor Frío: só e posible empregala para determinar mercurio (Hg) por ser o único elemento que podemos pasar de disolución acuosa ao estado elemental gaseoso mediante unha sinxela reducción química e arrastralo da disolución empregando unha corrente dun gas inerte coma o argón. Presenta escasas interferencias da matriz e moi boa sensibilidade na orde dos µg/L (ppb).
Equipamento instrumental

Espectrofotómetro de absorción atómica de chama: Agilent Technologies 200 Serie AA

  • Sistema óptico de dobre feixe
  • Rango operacional de 190 a 900 nm
  • Torreta de catro lámpadas que poden estar acesas simultáneamente.
  • Sistema de corrección de fondo por lámpada de deuterio.
  • Permite determinación secuencial rápida de varios elementos na mesma mostra.
  • Accesorios: Configuración para traballar con disolventes orgánicos

Espectrofotómetro de absorción atómica de chama: Perkin Elmer SpectrAA-800

  • Sistema óptico de dobre feixe en tempo real
  • Rango operacional de 190 a 900 nm
  • Posicións para oito lámpadas compatibles con lámpadas de cátodo oco ou de descarga de electrodos
  • Sistema de corrección de fondo por lámpada de deuterio

Espectrofotómetro de absorción atómica por atomización electrotérmica: Perkin Elmer SpectrAA-800

  • Corrección de fondo por efecto Zeeman
  • Rango operacional de 190 a 870 nm
  • Posicións para oito lámpadas compatibles con lámpadas de cátodo oco ou de descarga de electrodos
  • Inxector automático de mostras

Espectrómetro de inxección de fluxo para determinación de mercurio: Perkin Elmer FIMS 400

  • Equipo compacto destinado exclusivamente á determinación de Hg pola técnica de vapor frío
  • Introducción de mostra automática mediante bomba peristáltica
  • Límite de detección inferior a 1 µg/L
Aplicacións
  • Cuantificación de modo sensible de máis de 60 elementos metálicos en mostras gasosas, líquidas e sólidas, en concentracións de macrocompoñentes e trazas
  • Control de calidade de materiais: cementos, aliaxes metálicas , alimentos
  • Control medioambiental: augas, solos, sedimentos
  • Análises toxicolóxicos de sangue e ouriños debidos a inxestión ou envelenamentos por metais
Requisitos das mostras
  • Estar en disolución acuosa, a cantidade mínima precisa é de 25 mL.
  • Filtradas e ben tapadas.
  • Acidificadas preferentemente con HNO3 ao 2%.
  • No caso de matrices ou extractos complexos pórse en comunicación co técnico sendo preciso nalgúns casos incluír unha fracción de 100 ml de extractante para preparacións de patróns.
  • Entregar as mostras xunto co impreso de solicitude de análise, onde se especificarán os elementos a determinar.
  • Especificar a técnica coa cal se queren determinar os analitos ou, no seu caso, o límite de cuantificación preciso. No seu defecto empregarase a análise máis sinxela.
  • Se as mostras son para determinación de mercurio deben de vir refrixeradas.
  • O contido máximo de sólidos disoltos totais (TDS) non pode superar as 2000 ppm.
  • Non se admitirán mostras que conteñan ácido fluorhídrico, xa que estragan as partes internas do equipo.

Máis información

Jorge Millos – Rosa Mª Lomba
+34 986 812 238 – 986 813 885

jmillos@uvigo.es – rlomba@uvigo.es