A Axencia Estatal de Investigación, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, resolveu esta semana a concesión de 3,5 millóns de euros á Universidade de Vigo para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020. Estes fondos permitiranlle agora á institución académica viguesa dotarse dunha moderna embarcación híbrida e amigable co medio, así como reforzar o seu Centro de Investigación Mariña, CIM, e o CACTI –Centro de Apoio Científico Tecnolóxico á Investigación- de dous novos equipos de tecnoloxía punteira, un deles, único en España, dirixido á realización de estudos sobre paleoclima.

“Esta foi unha convocatoria moi especial, xa que era a primeira vez en anos que se financiaba ao cen por cen as infraestruturas e desde a Universidade implicámonos moito nela”, salienta a vicerreitora de Investigación Belén Rubio, ao que engadiu que en total se solicitaron 21 peticións. “Desde este punto de vista si se analiza a taxa de éxito foi de arredor do 15%, unha cifra que, aínda que a priori poida parecer non moi elevada, si se observa a cantidade total de fondos acadados está na media do conseguido nos últimos anos”, salienta a vicerreitora, ao tempo que explicou que, nesta ocasión, Galicia competiu ao mesmo nivel que todas as demais comunidades autónomas, mentres que noutros anos tíñase certa prioridade porque se consideraba unha comunidade deficitaria. “Este ano xa competimos todos ao mesmo nivel, polo que penso que é un logro importante nese sentido”, recalcou Rubio.

Ler a noticia completa no DUVI